Actualidad

250 empresas participarán na nova edición do Conecta Peme

O programa impulsado polo Goberno galego prevé mobilizar 50 millóns de euros en setenta proxectos e crear arredor de 100 postos de traballo

O Consello da Xunta, antes de que rematara 2017, deu o visto e prace á nova edición do programa Conecta. Este programa, destinado a financiar proxectos empresariais de I+D+i en cooperación entre pequenas e medianas empresas, prevé mobilizar 50 millóns de euros en 70 proxectos nos que se estima que participarán unhas 250 pemes. Os proxectos aprobados desenvolveranse ata 2020 e prevese que xeren máis de 100 postos de traballo.

O orzamento que achega a Xunta ascende a 27 millóns de euros, un 8% máis que na convocatoria anterior. Pola súa banda, as iniciativas de colaboración deben ter un orzamento de entre 500.000 e 1,5 millóns de euros e ser desenvolvidas por entre 3 e 6 empresas. Neste senso, valorarase positivamente que participe nelas un organismo de investigación.

A intensidade das axudas depende do tamaño da empresa: as pequenas poderán recibir entre o 50 e o 80% do seu investimento, segundo o tipo de proxecto; as medianas, entre o 50% e o 75%; e as grandes, entre o 15% e o 65%.

As principais novidades desta convocatoria serán: máis puntuación para os proxectos que creen máis traballo e manteñan o seu persoal en Galicia; maior valoración para aqueles proxectos máis próximos ao mercado; e a introdución dunha limitación sobre o número de proxectos nos que pode participar unha mesma empresa. Desde a súa posta en marcha en 2013, Conecta Peme apoiou investimentos por valor de máis de 100 millóns de euros en proxectos de cooperación nos que participaron preto de 520 empresas.

Publicidad

Facebook