Actualidad

A Rede Galega de Aceleradoras apoiou máis de 500 proxectos nos últimos catro anos

O Startup Day da aceleradora ViaGalicia de Lugo serve para seleccionar as 20 iniciativas, dun total de 32 proxectos, que pasarán á fase de pre-aceleración

A directora da Axencia Galega de Innovación (GAIN), Patricia Argerey Vilar, participou no Startup Day da aceleradora ViaGalicia en Lugo, que se celebrou o 14 de decembro, na que os 32 proxectos que optan a pasar á seguinte fase de aceleración nesta sede amosan as súas habilidades a través dun completo programa de actividades e dinámicas de grupo. A partir desta xornada, dos 40 proxectos que participaron o martes pasado na sede de Vigo e os 32 de Lugo, serán seleccionados como máximo 40, 20 por sede, para pasar á fase de pre-aceleración ou Academia.

Argerey felicitou aos participantes por chegar ata aquí na quinta edición da aceleradora de innovación ViaGalicia, á que se presentaron 202 proxectos nesta edición, e que está considerada como un referente estatal entre as aceleradoras de iniciativa pública. Entre os proxectos presentados á sede de Lugo, na que colabora a Fundación CEL, os máis numerosos son as solucións TIC (plataformas, software e aplicacións para distintos sectores como un comparador de avogados ou a aplicación do Internet das Cousas para abrir pechaduras de forma segura sen necesidade de acceso á rede) e os proxectos do sector agroalimentario (produción e distribución de produtos como a faba de Lourenzá, un té ecolóxico, viño, etc.).

Argerey destacou a importancia das aceleradoras de innovación como ViaGalicia para transformar as ideas innovadoras en empresas reais e reiterou o compromiso da Xunta de Galicia no apoio a este tipo de iniciativas a través da Rede Galega de Aceleradoras, na que se teñen apoiado nos últimos catro anos máis de 500 proxectos. A directora de GAIN informou ademais aos emprendedores doutros instrumentos de apoio cos que conta a Consellería de Economía, Emprego e Industria como os fondos de capital risco ou os novos Instrumentos Financeiros Innovadores (IFI).

A Xunta de Galicia pretende ofrecer un completo ecosistema de apoio ao emprendemento innovador en Galicia para que ningunha boa idea quede sen materializarse. O programa ViaGalicia, promovido polo Consorcio Zona Franca de Vigo e a Xunta de Galicia, recibiu dende a súa creación en 2013 preto de 900 ideas de negocio e impulsou máis de 120 proxectos dos que 52 se transformaron en empresas xerando máis dun cento de novos empregos.

Publicidad

Facebook