Actualidad

El Comedor, un proxecto de comida caseira a domicilio e online gaña o premio ‘Camiño do Emprendemento 2017’

Dende O Milladoiro este proxecto, que comenzará a funcionar en abril de 2018, responde a un novo concepto de negocio, o Ghost Restaurants, no que se coordinan labores de produción e comercialización de produtos de hostalería

A Cámara de Comercio, Industria, Servizos e Navegación de Santiago de Compostela entregou o IV Premio ‘Camiño do Emprendemento 2017’, co patrocinio de Abanca, a dúas iniciativas empresariais destacadas da demarcación cameral: El Comedor. Comida rápida, sana y barata e 4 BajoCero.

En que consiste o proxecto gañador? El Comedor. Comida rápida, sana y barata é un proxecto ideado polo empresario Carlos Alberto Balboa Castelo. Actualmente, dirixe o restaurante La Fábrica no Milladoiro (Ames), en funcionamento desde hai tan só uns meses e no que ofrece aos clientes comida caseira e elaborada a través do sistema de autoservizo para consumir no establecemento. E partindo deste xerme inicial, o emprendedor decidiu apostar pola ampliación do negocio con novas fases complementarias: a creación dun mostrador de comida para levar _envasada ao baleiro con sistemas innovadores de embalaxe_,tan só como punto de venda; unha máquina de “autovending” no exterior onde os clientes poidan mercar as 24 horas do día; e o reparto a domicilio con furgoneta da comida envasada ou o envío de pedidos online a través dun servizo de paquetería refrixerada para terceiros comercializadores. Neste último punto é onde o emprendedor ve a necesidade de contar cunha oficina física no viveiro de empresas para poder xestionar os pedidos online que ten previsto recibir desde calqueira lugar de España.

Carlos Alberto Balboa sinala que El Comedor responde a un novo concepto de negocio, o Ghost Restaurants, no que se coordinan labores de produción e comercialización de produtos de hostalería. Ofrecerá unha gama de produtos frescos, orgánicos e mesmo ecolóxicos para que os clientes teñan a completa confianza de que o que comen é sano e saudable. “A actividade iniciarase en abril de 2018 coa creación de tres postos de traballo no proceso” _destaca o emprendedor_.

Esta distinción é un recoñecemento que pretende promocionar estas ideas empresariais e prestar apoio para a súa posta en marcha, desenvolvemento e consolidación, coa finalidade de axudar á reactivación da economía e o emprego dos trinta e dous concellos da demarcación cameral. O premio cubrirá o 50 por cento dos gastos da estancia no viveiro de empresas de Costa Vella durante un ano aos proxectos distinguidos. Os gañadores poderán solicitar as liñas de financiamento presentadas por Abanca con condicións financeiras preferentes (a concesión do financiamento estará suxeita, en todo caso, á previa análise do risco por Abanca).

Durante ese tempo, os emprendedores, ademais do servizo de aloxamento, infraestrutura e logística, recibirán servizos de acompañamento, consultoría, titorización e mentorización dos seus proxecto empresariais coa finalidade de favorecer a súa arrincada, creación e consolidación e mellorar así as súas expectativas de implantación e supervivencia empresarial. O emprendedor instalarase nunha das incubadoras empresariais máis avanzadas de España pola calidade superior dos servizos prestados, segundo indicou este ano o informe Funcas das Cajas de Ahorros, e pasará a formar parte da maior rede empresarial de Europa _Rede Incyde_.

O xurado _composto por Álvaro Rodríguez Cabo e Fernando Eyo Gestoso, de Abanca, e por Fernando Barros e Rosa Cardeso, da Cámara_ tivo en conta na súa decisión o nivel de desenvolvemento do proxecto, o seu carácter innovador, o volume de investimento, o grao de proxección nacional e internacional, a posible xeración de postos de traballo e a experiencia previa dos participantes.

Pola súa banda, os mozos Pedro Maceira, Antonio Millán e Alfonso Maceira crearon recentemente a empresa 4 BajoCero, unha nova axencia de publicidade multidisciplinar que ten como obxecto cubrir todas as necesidades de comunicación das pequenas e medianas empresas, aportando ás compañías un servizo de imaxe, visibilidade, reputación e posicionamento.

Publicidad

Facebook