Actualidad

Emprega Xuventude: bono de 5.000 euros para incentivar a contratación na industria 4.0 e a agroalimentación

Female student working on project at home, view over the shoulder, selective focus
A experiencia impulsada pola Consellería de Economía, Emprego e Industria investirá nunha primeira fase 3,5 millóns e prestará especial atención a persoas sen experiencia laboral co obxectivo de formar e contratar a 500 menores de 30 anos

A Xunta xa ten en marcha Emprega Xuventude, un novo programa destinado a impulsar a formación e a contratación dos menores de 30 anos sen emprego en Galicia. Trátase dunha experiencia piloto pioneira na Comunidade galega, xa que combina por primeira vez formación e incentivos á contratación para mellorar a situación profesional da mocidade.

Para iso, a iniciativa da Consellería de Economía, Emprego e Industria inclúe axudas a través dun bono de 7.000 euros. Deste forma, nunha primeira fase, de forma experimental, investiranse 3,5 millóns de euros, financiados a través do Sistema de Garantía Xuvenil, para beneficiar a 500 mozos e mozas que se poderán cualificar e traballar en dous dos sectores estratéxicos galegos: a Industria 4.0 e o agroalimentario.

O principal obxectivo é ofrecer á mocidade galega a oportunidade de formarse e acceder ao mercado laboral. Para mellorar a súa cualificación, outorgarase un bono de 2.000 euros aos participantes, que se formarán nas propias empresas, polo que a formación se centrará nas características do posto para o que é contratado o mozo ou moza. É dicir, a Xunta apoiará un plan de formación adaptado ás necesidades e habilidades do propio posto de traballo. Será, polo tanto, unha formación adaptada á demanda real das empresas galegas.

Para incentivar a contratación, haberá un segundo bono de 5.000 euros ­_tamén por participante_ para empresas de sectores e liñas de negocio empresarial vinculadas á innovación tecnolóxica industrial ou ao sector agroalimentario. Os contratos deberán ter unha duración mínima de 12 meses. Para recibir o bono formación será indispensable que a compañía teña contratado ao mozo ou moza.

Do que se trata é de identificar novas saídas laborais para os novos perfís profesionais e poder, desta forma, contar con profesionais máis preparados en sectores que precisan cualificación especializada como son os dous nos que se centra este ano Emprega Xuventude.

A Xunta prevé con esta iniciativa axudar ao tecido empresarial galego a gañar en competitividade ao dispoñer de traballadores máis axustados as súas necesidades e contribuír a fixar poboación xuvenil nas vilas e cidades de Galicia.

Publicidad

Facebook