Actualidad

Os autónomos galegos terán axudas para unha segunda oportunidade

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, intervirá na xornada Galicia Camiño Emprendedor. No Museo Centro Gaiás, andar -1 (monte Gaiás s/n). Foto Xoán Crespo 09/11/17
O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, participou en ‘Galicia Camiño Emprendedor’, onde falou da Estratexia Autónomo 2020, que volverá a contar o próximo ano con máis presuposto para axudas á conciliación, a contratación de asalariados e o Bono Autónomo

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, participou o 9 de novembro na xornada Galicia Camiño Emprendedor, organizada pola Fundación Ronsel, para avanzar cara a un emprendemento moderno e sustentable a través da posta en común de diferentes experiencias, de iniciativas de éxito e a análise da importancia do uso da tecnoloxía.

O titular de Economía falou das políticas de impulso ao emprendemento que está executando a Xunta, avanzando que os Orzamento de 2018 da Consellería de Economía, Emprego e Industria inclúen dúas novas medidas, que complementarán ás recollidas na Lei estatal do autónomo. Por un lado, porase en marcha unha liña de axudas por valor dun millón de euros para facilitar unha segunda oportunidade aos autónomos que escollen unha nova actividade ou que queren reemprendela. E, doutra banda, a Xunta apoiará con 500.000 euros o relevo xeracional para dar continuidade aos negocios xa consolidados.

Estas dúas novas actuacións formarán parte da Estratexia Autónomo 2020 que o vindeiro exercicio volverá a contar con 40 millóns de euros. Partidas como a de conciliación, de contratación de asalariados e o Bono Autónomo contarán con máis presuposto. “Queremos consolidar un ecosistema emprendedor galego que ten evolucionado moito ao longo dos últimos anos”, explicou Conde, afirmando que os emprendedores de hoxe en día están mellor preparados, con máis formación académica e mellor orientada á realidade do mercado. Neste senso, matizou que moitas das empresas emerxentes teñen agora un claro perfil tecnolóxico, sendo as TIC e a I+D+i o seu principal campo de traballo.

A Xunta dispón de axudas para comezar a actividade como o feito de que non sexa necesario dispoñer dunha licenza previa á apertura dun negocio, os apoios para o inicio da actividade ou os financeiros como os programas Galicia Emprende e Galicia Rural Emprende, que axudan ata o 35% do investimento inicial e que, en 2018 van contar cun orzamento de 5,5 millóns de euros.

Así mesmo, a Administración autonómica ofrece melloras para a consolidación como son a tarifa plana ampliada do Estado que permite manter 6 meses máis a cota estatal de 50 euros; o Bono Autónomo que achega unha axuda máxima de 3.000 euros para reforzar a competitividade dos negocios; e os apoios á contratación indefinida, que van desde 5.000 euros para a primeira persoa contratada e 6.000 pola segunda e terceira, podendo alcanzar ata 12.000 euros para os colectivos prioritarios, que contan cun incentivo do 25%.

Para a conciliación, o Goberno galego vén de poñer en marcha unha iniciativa que permite prolongar ata as 32 semanas o contrato da persoa que cobre a baixa por maternidade ou paternidade, cunha bonificación do 100% da cota da Seguridade Social; e para interactuar coa Administración, os emprendedores dispoñen da Oficina do Autónomo, onde poden atopar todo tipo de información e asesoramento.

Publicidad

Facebook