Actualidad

SOLA, un novo modelo de aceleración para spin-offs

Spin-off Lean Acceleration é un proxecto internacional cofinanciado polo programa Erasmus+ da Unión Europea para fortalecer a capacidade das universidades no impulso a proxectos empresariais basados no coñecemento

O Proxecto SOLA (Spin-Off Lean Acceleration) que lidera a USC desenvolve esta semana en Santiago a súa derradeira sesión, coa que se pon o broche final a dous anos de traballo para fortalecer as capacidades das universidades na aceleración e consolidación de empresas innovadoras.  SOLA xurdiu hai dous anos da necesidade de mellorar os coñecementos do persoal técnico das universidades en aspectos críticos para o crecemento e consolidación de empresas innovadoras. Así, as 8 universidades participantes _r eferentes todas elas en transferencia, innovación e emprendemento_, xunto con RedEmprendia e Erasmus+ puxeron en marcha este proxecto no que máis dun cento de emprendedores, técnicos universitarios e expertos en innovación obtiveron resultados positivos e que serán de grande axuda para o futuro máis inmediato.
A xuntanza do comité directivo final celebrouse no Edificio Emprendia nun acto no que participaron o reitor Juan Viaño; o alcalde da cidade, Martiño Noriega; as vicerreitoras de Internacionalización e de Investigación e Innovación da USC, Almudena Hospido e Isabel Rodríguez-Moldes, e a concelleira de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo, Marta Lois.
“As universidades, en xeral, fixemos notables esforzos para promocionar o espírito emprendedor entre a nosa comunidade e solventar as necesidades que aparecen nas etapas temperás do desenvolvemento das súas iniciativas empresariais”, dixo o reitor. “Agora, grazas a proxectos como SOLA poderemos tamén catalizar a posta en marcha dunha innovadora metodoloxía de aceleración de empresas universitarias, incrementando as súas posibilidades de éxito e favorecendo a creación de riqueza e benestar social na nosa contorna”.

Novas ferramentas
Efectivamente, no acto de apertura o adxunto ao reitor para Transferencia, Innovación e Emprendemento, Manel Cotos, puxo énfase nas ferramentas innovadoras que resultan de SOLA e que se cinguen a catro ámbitos fundamentais como son a propiedade industrial e intelectual, o modelo Lean Canvas, as finanzas para emprendedores e a internacionalización. En cada un destes catro módulos deseñáronse ferramentas propias entre as que destacan dúas. Por unha banda, unha plataforma en liña de internacionalización que facilitará aos emprendedores o cumprimento de obxectivos e que permite ao persoal técnico das universidades monitorizar e acompañar o proceso en cada fase, e, por outra, un novo modelo de aceleración específico para spin-offs e startups universitarias baseado na metodoloxía Lean Startup.
No mesmo acto de apertura da xuntanza, todas as autoridades destacaron a “utilidade” de SOLA. “Dende a USC cremos firmemente neste e en todos os proxectos deste tipo”, dixo Almudena Hospido no seu discurso, que foi reforzado pola vicerreitora de Investigación, para quen “practicamente todos os resultados de investigación poden ser transferidos e por iso SOLA faise necesario como un modelo máis para acadar os nosos obxectivos como universidade”. Pola súa banda, o alcalde Martiño Noriega falou da USC como “a catedral do coñecemento, e por tanto é unha honra participar nos proxectos que impulsa”, e en concreto este -apostillou a concelleira Marta Lois- “será moi útil para a cidade de Compostela”.

Formación
Durante tres días persoal técnico de incubadoras e centros universitarios de apoio ao emprendemento, así como emprendedores vinculados ás universidades, participarán en diversos obradoiros nos que profundarán en aspectos como a metodoloxía Lean Canvas, a redefinición estratéxica de startups, a propiedade industrial e certificación de calidade e a internacionalización de empresas. Ao remate da formación, todos estes contidos, ferramentas e recursos estarán dispoñibles para calquera persoa interesada na web de SOLA.

SOLA está co financiado polo programa Erasmus+ da Unión Europea e xunto coa USC forman parte do consorcio as Universidades Autónoma de Madrid, do Porto (Portugal), della Calabria (Italia), de Antioquia e a EAFIT (Colombia) e as brasileiras de São Paulo e Estadual de Campinas. Interveñen tamén a consultora europea Devalar, a rede universitaria RedEmprendiae e a Fundação de Desenvolvimento da Unicamp (FUNCAMP).

Máis información: http://www.spinoffleanacceleration.org/es

Publicidad

Facebook