Actualidad

Tres proxectos liderados por mulleres gañan os V Premios Emprende Gaiás-Sixto Seco

Tres proxectos liderados por mulleres resultaron gañadores na quinta edición dos premios Emprende Gaiás – Sixto Seco. A gala de entrega dos galardóns celebrouse onte por la tarde na Cidade da Cultura de Santiago de Compostela.

Deste xeito, o premio a Aplicacións informáticas ou proxectos culturais en Internet foi a WCube, unha plataforma on-line dedicada á intermediación en operacións de compra-venda de arte entre particulares e artistas (noveis e expertos). Ideado por Gabriela Lusquiños Santos, este proxecto permite darlles visibilidade aos artistas locais e dispoñer de mostras artísticas organizadas respectando un mínimo de calidade artística e ofrecendo seguridade ao comprador final.  Non se trata só dunha galería senón que artista e visitantes interactúan nunha comunidade buscando desta forma un enriquecemento común.

Kandoro, un recurso didáctico para docentes e familias para lles facilitar contidos curriculares de educación infantil, foi a proposta galardoada no apartado de Deseño, creación artística e plástica. Esta cidade de cartón de Inés Rodríguez Sacristán promove a imaxinación dos máis pequenos, favorece o xogo compartido en familia, resulta educativa e cada un dos seus escenarios —a casa, a tenda, o centro de saúde e a oficina de correos- é  unha creación artística e plástica de carácter innovador con previsións de converterse nun proxecto viable e de futuro.

Na categoría de Xestión cultural o premio recaeu en Soundslikemarket. Tamara Rodríguez Silva presentou a concurso esta plataforma de xestión cultural que permite a posta en contacto por parte dos profesionais dos distintos ámbitos do sector musical para a produción e difusión de eventos musicais. O proxecto pretende resolver o problema das barreiras de entrada na industria da música co obxecto de facilitar a creación de proxectos culturais ao poñer ao servizo de usuarios e clientes: perfís profesionais que cubran todas as áreas implicadas na xestión destes proxectos.

A quinta edición dos premios Emprende Gaiás-Sixto Seco recibiu preto de 30 proxectos relacionados co deseño, internet e xestión cultural. A hora de avaliar as iniciativas, o xurado tivo en conta o carácter innovador e a creatividade da idea presentada; as posibilidades de se converter nun proxecto viable; a adecuación da iniciativa á modalidade presenta; a integración de perfís profesionais dos participantes; e a súa capacidade dinamizadora e o impacto na súa área de influencia.

2.000 euros e incorporación ao CEM do Gaiás

Os proxectos gañadores recibiron un premio en metálico de 2.000 euros e incorporaranse de balde durante doce meses ao espazo de coworking do Centro de Emprendemento da Cidade da Cultura, onde recibirán apoio ao longo deste ano a través dun programa de titorización personalizado con formación e asesoramento para levar a cabo o seu proxecto.

Publicidad

Facebook