Convocatorias

A convocatoria do programa ‘Connecting for Good Galicia’ está aberta ata o 2 de xullo

Robobo recibe unha axuda de 25.000 euros da Xunta como “Mellor Proxecto Connecting for Good Galicia 2016” e a Fundación Vodafone outorgou a Insulcock o Premio “Conectados pola Accesibilidade”, dotado con 10.000 euros

O programa Vodafone Connecting for Good Galicia concedeu 35.000 euros aos dous mellores proxectos tecnolóxicos da súa convocatoria 2016. Estes recoñecementos foron outorgados no acto de clausura da primeira edición do programa, que tivo lugar hoxe na Cidade da Cultura, presidido polo conselleiro de Economía, Emprego e Industria da Xunta, Francisco Conde, e que contou coa presenza do director de Administracións Públicas de Vodafone, Diego Torrico, e do director xeral da Fundación Vodafone España, Santiago Moreno. Por outra banda, xa está en marcha a II Edición do Programa, ao que se poden presentar candidaturas ata o 2 xullo a través da Fundación Vodafone.

Connecting for Good Galicia é un programa impulsado por Vodafone e a Xunta de Galicia, a través da Axencia para a Modernización Tecnolóxica (Amtega) e a Consellería de Economía, Emprego e Industria, coa colaboración da Fundación Vodafone España. O seu obxectivo é desenvolver iniciativas emprendedoras de innovación social dixital en calquera dos ámbitos recollidos na Axenda Dixital de Galicia 2020, valorando especialmente o enfoque inclusivo cara aos colectivos de persoas con discapacidade e persoas maiores.

Os seis proxectos participantes da primeira edición, foron Insulclock, Robobo, KeeperTech, Phottic, PsicoVR e Xesmar. Destes seis proxectos, a Xunta de Galicia, a través de Axencia Galega de Innovación (GAIN), concedeu unha axuda de 25.000 euros á mellor iniciativa da convocatoria polo seu carácter innovador, traballo en equipo, aproximación ao mercado e aproveitamento do programa na súa execución e posta en marcha. O proxecto elixido foi Robobo.

Ademais, Fundación Vodafone España outorgou o Premio Conectados pola Accesibilidade valorado en 10.000 euros, ao proxecto Insulclock por ser o que mellor incorporou os Principios de Accesibilidade Universal.

Todos os proxectos participantes recibiron un diploma acreditativo e un patrocinio de 2.000 euros cada un tras completar o programa de formación e mentoring, ao que a Amtega contribúe con 30.000 euros en cada convocatoria, e que se impartiu no espazo Vodafone Connecting for Good, situado no Centro de Emprendemento da Cidade da Cultura..

No acto celebrado hoxe anunciouse a apertura da II Edición do Programa, ao que se poden presentar candidaturas ata o 2 xullo a través da web da Fundación Vodafone: http://www.fundacionvodafone.es/premios/premios-connecting-good-galicia

 

Publicidad

Facebook