Convocatorias

Dous millóns de euros para mellorar a competitividade das pemes e os emprendedores de Galicia

A Consellería de Economía, Emprego e Industria vén de activar unha nova convocatoria do programa ReAcciona, unha iniciativa pioneira do Goberno galego que nos últimos catro anos xa impulsou a competitividade de 850 empresas a través de 1400 proxectos de mellora.

A nova edición do programa, dotada con 2 millóns de euros, permitirá desenvolver preto de 500 novos proxectos de mellora de xestión empresarial e a posta en marcha de plans estratéxicos de futuro nas empresas galegas ata 2018.

A presentación de solicitudes, ao amparo das bases reguladoras publicadas o pasado día 7 no Diario Oficial de Galicia (DOG), está aberta ata o 15 de setembro. A continuación activaranse novas convocatorias en novembro e decembro deste ano e en febreiro e maio de 2018.

ReAcciona, programa ao que a Xunta destinou ata o de agora 5,1 millóns de euros facilitando a mobilización de case 7 millóns, está deseñado para impulsar accións de mellora en áreas concretas de xestión ou planificación das pemes galegas, poñendo á súa disposición, co apoio de expertos, o coñecemento, os métodos e as ferramentas necesarias para que poidan reinventarse de forma continuada. A finalidade do programa é o de proporcionar ás pemes a capacidade para desenvolver proxectos de mellora en determinados ámbitos de xestión: financeiro, de produción, comercial ou de deseño estratéxico.

O obxectivo fundamental do programa, cofinanciado ao 80% con fondos Feder, é apoiar ás pemes galegas nos procesos de profesionalización dos seus equipos directivos e nos plans de xestión e desenvolvemento estratéxico, para procurar que se reforcen como paso previo ao seu crecemento ou internacionalización. Co apoio do ReAcciona, as empresas poden escoller o seu itinerario de mellora personalizado, de acordo coas súas necesidades, apoiándose nun ou en varios servizos que van desde un diagnóstico inicial ata a execución dos diversos plans operativos pasando, se fose conveniente, por unha análise estratéxica detallada que oriente o rumbo futuro da empresa.

 

Publicidad

Facebook