Convocatorias

Tes ata o 2 de novembro para acudir ao III Premio IdeaLugo á Innovación e o Emprendemento

O certame, aberto á participación de estudantes e titulados do Campus Terra da USC, está dotado con 5.000 euros en premios e pretende recoñecer e impulsar proxectos innovadores na provincia de Lugo

A terceira edición do Premio IdeaLugo á Innovación e o Emprendemento, un certame promovido polo Grupo El Progreso en colaboración coa USC e Abanca, a través do que se busca identificar, recoñecer e impulsar proxectos innovadores e emprendedores xurdidos arredor do Campus Terra da USC, mantén aberto o prazo de presentación de candidaturas ata o vindeiro día 2 de novembro de 2017.

Os interesados nesta convocatoria, dotada con 5.000 euros en metálico para as tres propostas máis valoradas polo xurado, poden formalizar xa a súa inscrición en liña na web do certame, onde tamén poden consultar as bases, así como a información solicitada aos participantes e os prazos establecidos para a presentación de proxectos.

O apoio a emprendedores con proxectos propios, innovadores e sostibles que contribúan ao desenvolvemento social e económico da provincia de Lugo é unha das pretensións que busca o Premio IdeaLugo. Esta nova convocatoria busca asemade por de manifesto o cometido que cumpre a formación na creación de novas empresas e start-ups, ademais de impulsar e axudar a dinamizar o Campus Terra da USC e as titulacións universitarias que oferta.

O III Premio IdeaLugo á Innovación e Emprendemento está aberto á participación de estudantes e titulados/as da USC egresados/as do campus de Lugo nos últimos anos que teñan un proxecto de emprendemento en fase embrionaria ou de aceleración. As persoas participantes poderán presentar o número de proxectos que desexen, tanto de forma individual como en grupo.

Publicidad

Facebook