Empresas Iniciativas

Xa están seleccionadas as dez empresas que participarán no programa Agrobiotech

A iniciativa busca a vertebración do interior de Galicia, Lugo e Ourense

Xa están seleccionadas as dez empresas que participarán na segunda edición do programa Agrobiotech, unha aceleradora de empresas dirixida a potenciar o despegue das firmas innovadoras dos sectores da biotecnoloxía, agroalimentación e biomasa en fase de crecemento, e a fortalecer o emprego tecnolóxico cualificado a través dun plan de traballo personalizado e práctico.

Este programa da Xunta conta cun orzamento de 500.000 euros e podes consultar a resolución provisional no seguinte enlace: http://agrobiotech.gal/wp-content/uploads/2017/06/Resolucion-provisional.pdf

A iniciativa está destinada a pemes innovadoras e/ou de base tecnolóxica. O programa busca, ademais, a vertebración do interior de Galicia, Lugo e Ourense. Por iso, as empresas situadas nestas provincias tiveron unha puntuación maior no proceso de selección, co obxectivo de fixar poboación no rural, unha das prioridades do Goberno galego.

Esta aceleradora de empresas inclúe este ano novidades especialmente destinadas a aumentar a individualización dos servizos e céntrase en dous grandes grupos de actuacións. En primeiro lugar, un itinerario personalizado de aceleración para as empresas seleccionadas, que poderán beneficiarse dos servizos incluídos nun programa de traballo individualizado e a medida deseñado por titores especialistas e orientado cara a cumprir catro obxectivos: a mellora da facturación e innovación das empresas; dos seus produtos innovadores no mercado; das vendas no exterior e internacionalización; e da captación de financiamento externo.

Agrobiotech, en segundo lugar, inclúe accións transversais nas que poden participar as empresas beneficiarias da primeira edición da iniciativa, como é o II Encontro Agrobiotech Innovación orientado a profesionais e axentes referentes. Como novidade nesta edición buscarase a participación activa dos clústers, centros tecnolóxicos e empresas tractoras referentes. O pasado ano tomaron parte neste congreso 330 participantes de España, Francia e Portugal con 56 relatores expertos, 28 expositores de produtos e servizos innovadores e a realización de máis de 130 reunións one to one.

Tamén se inclúe unha continuidade da Lonxa de inversores BIO, no que as pemes poden formarse e recibir titorización para mellorar o seu plan de negocio e unha avaliación dos resultados das 11 empresas que tomaron parte na primeira edición deste programa.

Publicidad

Facebook