Iniciativas

Acordo entre os novos empresarios e a Cidade da Cultura para impulsar o emprendemento no Gaiás

A Cidade da Cultura de Galicia vén de asinar un convenio de colaboración coa Asociación de Jóvenes Empresarios de Galicia para impulsar o emprendemento no Gaiás. En virtude deste acordo, o Centro de Emprendento Creativo cederalle de balde un espazo para que AJE Galicia localice no CEM a súa delegación en Santiago de Compostela.

Pola súa banda, AJE-Pontevedra realizará dentro do CEM, e ao longo de 2018, xornadas de networking e formación para os seus afiliados e nas que tamén participarán os empresarios/empresas instaladas nos espazos Coworking e o Viveiro Gaiás.

A directora-xerente da Fundación Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez Reboredo; e Marcos Balboa, en calidade de presidente de AJE-Galicia, foron os encargados de establecer as bases desta nova unión. Entre os acordos máis salientables, atópase o feito de que AJE Galicia situará unha delegación no Centro de Emprendemento Creativo de Galicia. Para isto, o CEM cédelle gratuitamente un espazo, á vez que se compromete a colaborar na organización das xornadas de formación ou networking que realice AJE GALICIA.

Fomento do emprendemento

Pola súa banda, á asociación correspóndelle a promoción entre os seus asociados, durante a vixencia do convenio, das actividades que se programen no CEM para o fomento do emprendemento na nosa comunidade e a realización de actividades durante o 2018, de tipo formativo e tamén para a ampliación de rede de contactos. En conxunto AJE Galicia e a Fundación Cidade da Cultura obríganse a programación de actividades conxuntas que repercutan obxectivamente en proxectos emprendedores.

O convenio entre a Cidade da Cultura e AJE-Galicia enmárcase dentro do fomento do emprendemento en toda a súa extensión co que está intimamente vencellado o Gaiás: programando actividades formativas e de asesoramento que redunden nas empresas emprendedoras que actualmente se sitúan no Centro de Emprendemento (CEM), con especial énfase en proxectos que favorezan o crecemento económico e a creación de emprego; actuando como elementos vehiculares na transmisión da identidade cultural, aspecto este esencial na difusión e promoción da diversidade cultural e a súa transferencia aos sectores máis maduros do tecido.

Publicidad

Facebook