Iniciativas

Arousa terá un espazo de coworking especializado en turismo e alimentación

O municipio de Vilanova de Arousa acollerá un novo espazo de coworking destinado ao sector do turismo e da alimentación.

O novo coworking O Salnés desenvolverase no Pazo Vista Real, cedido polo Concello, e está previsto que inicie a súa actividade en setembro, cun mínimo de 16 e un máximo de 22 proxectos emprendedores vinculados a estes sectores; dous eidos nos cales Galicia presenta un gran potencial para desenvolver novas empresas.

A Xunta asegura que a idea é convocar dúas edicións máis, de cinco meses de duración cada unha delas, ao longo do ano que vén. Así, esta aceleradora axudará a que frutifiquen ata 60 proxectos empresariais promovidos por case 200 emprendedores grazas ao servizo de asesoramento que recibirán con esta iniciativa, onde poderán madurar as súas ideas de negocio por exemplo en sectores como o vitivinícola e o conserveiro.

O coworking O Salnés súmase aos outros sete espazos coworking que a Xunta puxo en marcha por segundo ano consecutivo en colaboración coa Escola de Organización Industrial. Un deles, que tamén se incorpora nesta segunda edición, é o do CIS Madeira en Ourense, específico para o sector forestal.

Publicidad

Facebook