Actualidad

16 startups galegas xa obtiveron financiamento do programa Instrumento Peme do H2020

Dende a posta en marcha do proxecto en 2014, as 16 pemes galegas conseguiron máis de catro millóns de euros de axuda e mobilizaron preto de seis millóns de euros de investimento, según destacou hoxe GAIN nunha xornada informativa en Santiago

A Axencia Galega de Innovación (GAIN) acolleu hoxe unha xornada informativa sobre a convocatoria Instrumento Peme do programa de I+D+i da Comisión Europea Horizonte 2020. O obxectivo desta xornada, organizada por GAIN en colaboración co Centro para el Desarrollo Tecnológico Industrial (CDTI), foi ofrecer as claves na preparación de propostas para esta convocatoria e resolver dúbidas. A sesión inscríbese nun ciclo de infodays sobre Horizonte 2020 (H2020) que comezou en maio e pecha o vindeiro 15 de xuño cunha xornada centrada nas tecnoloxías emerxentes.

Neste acto, ademais de Patricia Argerey, directora da Axencia Galega de Innovación, interviron Esther Casado, do Punto Nacional de Contacto de pemes de H2020, quen explicou as claves da convocatoria; un experto avaliador de H2020 da consultora Econet, David Seoane, que achegou recomendacións e estratexias na preparación de propostas; o director de Innovación da empresa Nanoimmunotech, Christian Sánchez, que expuso o caso da súa empresa como beneficiaria da convocatoria; e Carlos Sánchez, técnico de GAIN, destacou o servizo de apoio que ofrece este departamento como membro da rede Enterprise Europe Network.

Patricia Argerey explicou na súa intervención, durante a inauguración da xornada, que Instrumento Peme é a convocatoria específica do programa H2020 para o financiamento de proxectos de innovación empresarial das pemes. Dotada con 3.000 millóns de euros ata 2020, está dirixida a pemes altamente innovadoras que desenvolvan actividades próximas ao mercado, co obxectivo de dar un pulo definitivo, non só a través de financiamento senón tamén ofrecendo servizos avanzados de coaching.

Dende a súa posta en marcha en 2014, 16 pemes galegas resultaron beneficiarias desta convocatoria _2 delas obtiveron apoio en dúas fases do proxecto_, obtendo máis de 4 millóns de euros de axuda e mobilizando preto de seis millóns de euros. Pola súa parte, España é o país líder en captación de fondos e proxectos dentro desta convocatoria, con 509 beneficiarios e máis de 180 millóns de euros mobilizados. No conxunto do programa H2020, Galicia dobrou os fondos conseguidos respecto do Sétimo Programa Cadro e multiplicou por tres a porcentaxe de proxectos liderados por entidades galegas.

Temas

Publicidad

Facebook