Convocatorias

A convocatoria da V edición dos Premios Emprende Gaiás-Sixto Seco está aberta ata o 5 de outubro

A Cidade da Cultura, con esta iniciativa, busca poñer en marcha ideas ou proxectos innovadores no mundo das industrias culturais

A Fundación Cidade da Cultura de Galicia convoca a quinta edición dos premios Emprende Gaiás-Sixto Seco, concurso de ideas e proxectos innovadores co que dar apoio aos emprendedores e dinamizar as industrias culturais de Galicia, que nesta edición conta de novo coa colaboración do Igape. A convocatoria ábrese hoxe 5 de setembro e permanecerá aberta ata o 5 de outubro ata ás 14 horas. A Cidade da Cultura busca poñer en marcha ideas ou proxectos innovadores no mundo das industrias culturais artelladas en tres modalidades: aplicacións informáticas ou proxectos culturais en internet, proxectos na área do deseño, creación artística e plástica e na área da xestión cultural.

O premio en cada unha das modalidades será a incorporación gratuíta durante doce meses ao Centro de Emprendemento do Gaiás, onde se contará cun asesoramento personalizado para dispoñer de titorización durante todo o desenvolvemento do proxecto, e un premio en metálico de 2.000 euros para cada proxecto para contribuír ao financiamento da nova empresa, grazas a colaboración do Igape.

O obxectivo destes premios e impulsar o desenvolvemento de novas ideas emprendedoras relacionadas coas industrias culturais e que queiran desenvolver a súa actividade en Gaiás Cidade da Cultura de Galicia: deseñadores-ilustradores, profesionais da comunicación, produtores, xestores culturais, programadores de aplicacións informáticas e de proxectos culturais na internet e calquera outra persoa con vinculación no emprendemento cultural.

Máis información: http://www.cidadedacultura.gal/gl/novas/convocados-os-5o-premios-emprende-gaias-sixto-seco

Publicidad

Facebook